O Clúster Audiovisual Galego organiza dúas novas edicións dos cursos “Produción avanzada para produtores. Ferramentas técnicas, económicas e legais para a dirección e coordinación de produción en cine e televisión” e “Produción virtual. Unreal Engine e Aximmetry en entornos de plató virtual”, e convoca 30 prazas para cada curso. O prazo de solicitude de matrícula está aberto ata o día 12 de marzo.
Estas accións formativas son promovidas pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e contan coa financiación desta consellería, do Ministerio de Educación y Formación Profesional, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e dos Fondos Next Generation da Unión Europea.
Os cursos de carácter profesional están dirixidos a traballadores en activo, desempregados rexistrados como demandantes de emprego ou autónomos. Os candidatos deben acreditar a súa condición de traballadores en activo e achegar un CV actualizado.
Curso Produción Avanzada para Produtores
Dirixido a profesionais da produción con interese por profundar e especializarse nas áreas de dirección de produción, coordinación de produción e cost control. O curso, con carácter modular, achégase en profundidade e detalle, seguindo os parámetros do mercado actual, a cada un dos elementos clave para o desenvolvemento completo dunha produción: financiamento da obra e relación coa contabilidade empresarial; deseño e elaboración de orzamentos segundo as condición do proxecto; cost control, contabilidade e cashflow de produción; legalidade audiovisual; preparación, seguimento e xustificación de axudas públicas; e requisitos técnicos de imaxe e son relevantes para as entregas e determinantes para o fluxo de traballo da produción.
A duración do curso é de 60 horas, que se impartirán online, do 3 ao 27 de abril, o mércores 3 e xoves 4 de 16.00 a 20.00 horas, os venres de 16:00 a 20:00 horas, os sábados de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 10:00 a 14:00 horas.
A solicitude de matrícula pódese realizar neste formulario ou no correo formacion@clag.es.
Curso Produción Virtual
Formación dirixida a profesionais audiovisuais interesados en dar o paso á xeración de contidos virtuais en tempo real e ao traballo en platós virtuais. Ao longo do curso farase un percorrido teórico-práctico polas principais características de UNREAL ENGINE para producir contidos visuais en tempo real, tanto de forma nativa como nun dos principais softwares broadcast, AXIMMETRY. Trataranse en profundidade os aspectos visuais da ferramenta e farase unha introdución ao visual scripting con Blueprints para a creación de interactividades.
Este curso ten unha duración de 60 horas, que se impartirán online do 3 ao 26 de maio, os venres de 16:00 a 20:00 horas, os sábados de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, e os domingos de 10:00 a 14:00 horas.
A solicitude de matrícula pódese realizar neste formulario ou no correo formacion@clag.es.